O transporte urbano de Ferrol recupera o 100% da súa capacidade.

Ferrol, 1 de xullo de 2020.- A compañía Alsa informa de que desde o 1 de xullo o servizo de transporte urbano e metropolitano de Ferrol recupera o 100% da súa actividade, polo que se prestarán a totalidade dos servizos que se realizaban antes da declaración do estado de alarma o pasado 14 de marzo.

Desde o 11 de maio o operador xa recuperou o 50% dos servizos en horas vale e máis do 80% en horas punta.

NOVA NOMENCLATURA DAS LIÑAS

Coincidindo con esta volta ao 100% da actividade, o operador presentou unha nova denominación das liñas, co obxecto de evitar confusións e facer máis doada a súa identificación por parte dos usuarios.

As liñas urbanas pasan a denominarse a partir de agora cunha letra en lugar de número e agrúpanse varias baixo unha mesma denominación. As liñas interurbanas manteñen a súa identificación por números, e tamén teñen algunhas agrupacións.

Para a correcta información dos viaxeiros, xa se está a distribuír a nova nomenclatura en paradas e no interior dos autobuses. Toda a información pódese consultar nos servizos metropolitanos de Ferrol da nosa web e no teléfono 981 06 15 00.

Por outra banda, este 1 de xullo tamén comeza a funcionar un servizo especial de verán (P), que unirá o centro da cidade cos areais de San Xurxo e Doniños durante os meses de xullo e agosto.