1.- RESPONSABILIDADE
A responsabilidade do transportista incumbe á empresa que realiza efectivamente o servizo. A empresa transportista non responderá dos incumprimentos que non lle sexan directamente imputables, nin dos producidos por caso fortuíto, forza maior ou por atender esixencias legais ou administrativas.
Do mesmo xeito, non se fai responsable das perdas de enlace dos seus servizos intermodais con outros transportes, propios ou alleos. Sen prexuízo do anterior, a aqueles viaxeiros que desexen enlazar o servizo contratado cun servizo de transporte aéreo, dado que os nosos servizos discorren por un itinerario preestablecido que non pode variarse por circunstancias de tráfico adverso, salvo instrucións expresas das autoridades competentes, recoméndase adquirir billetes coa antelación suficiente que teña en conta as recomendacións sobre tempo de presentación en aeroportos para voos nacionais ou internacionais efectuados por AENA ou a compañía aérea da cal se trate en cada caso
Recomendacións de antelación mínima de ALSA:
- Para voos nacionais, recoméndase adquirir billetes con chegada cunha antelación mínima de 3 horas respecto da hora prevista de embarque do voo.
- Para voos internacionais, recoméndase adquirir billetes con chegada cunha antelación mínima de 4 horas respecto da hora prevista de embarque do voo.
- Recoméndase incrementar os tempos anteriores nunha hora en caso de desprazamentos por estrada en días de tráfico de especial densidade, tales como operacións de saída ou retorno así contempladas pola Dirección Xeral de Tráfico, saída ou retorno de pontes ou de fins de semana.
En liñas internacionais, a responsabilidade que se producise incúmbelle á empresa que realiza o transporte, de conformidade coas leis e tribunais do seu país, e é responsabilidade exclusiva do viaxeiro ir provisto dos documentos precisos para o paso da fronteira e a realización da viaxe.
Aos viaxeiros dos servizos de transporte cuxo punto de embarque ou desembarque estea localizado no territorio dun Estado membro da Unión Europea resúltalles de aplicación, en función da distancia do traxecto que vaian efectuar, os seguintes dereitos do pasaxeiro que se poden consultar no Regulamento 181/2011.
Servizos para pasaxeiros con necesidades especiais
ALSA dispón de servizos e instalacións, quer nos seus autobuses, quer nas estacións, para atender persoas con necesidades especiais (viaxeiros con discapacidade, persoas de idade avanzada ou con mobilidade reducida).
Consulte as condicións no apartado de Accesibilidade e necesidades especiais.
Nos servizos e instalacións internacionais, non se garante esta dispoñibilidade.
2.- VENDA DE BILLETES
A empresa venderá billetes nos puntos ou establecementos habilitados para o efecto, onde se poderán obter os billetes e solicitar os descontos que procedan segundo condicións da concesión. Para favorecer a adquisición do billete disponse ademais de medios alternativos de venda, a través de axencias de viaxes, Internet, teléfono, máquinas autovenda, caixeiros de La Caixa, etc., nos cales as condicións serán específicas para cada medio.
O uso indebido de calquera canle de venda oficial de Alsa para usos fraudulentos dará lugar ás correspondentes responsabilidades, se se demostrase que se obrou de mala fe, culpa ou neglixencia.
Validez dos billetes
- A validez dos billetes de longo percorrido, tanto para rutas nacionais como internacionais, será de 6 meses a partir da data de emisión; Noutras palabras, unha vez transcorridos 180 días desde a data de compra, non se aceptarán cambios nin cancelacións nestas entradas.
- A validez dos billetes rexionais de ida e volta establécese ata 7 días, dependendo da liña, a partir da data de finalización da viaxe de ida.
O número de viaxeiros transportados non pode ser superior ao de prazas autorizadas, o que significa que todos os menores computan para efectos do número de viaxeiros transportados (Real Decreto 965/2006) e, en consecuencia, todos deberán posuír billete, sen distinción da idade.
3.- TRANSPORTE DE PASAXEIROS
Forma de acceder ao autobús
En traxectos nacionais pódese acceder ao autobús directamente sen pasar polo punto de venda, presentándose no embarque 10 minutos antes da saída; móstrelle ao condutor o seu DNI ou PASAPORTE xunto a unha destas opcións:
- O billete electrónico impreso
- O localizador ou billete anotado
- A SMS cos datos do billete
En traxectos internacionais:
- Para traxectos desde ou cara a España, é obrigatorio que pase polo punto de venda e que solicite a emisión do seu billete ou que imprima o billete comprado pola web. Deberá presentarse polo menos 30 minutos antes da saída no punto de embarque.
- Para traxectos con orixe ou destino a Marrocos é imprescindible que presente o billete impreso.
En traxectos internacionais os menores de 16 anos deben viaxar acompañados dun adulto legalmente autorizado. Os mozos con idades comprendidas entre os 16 e os 18 anos precisan de pasaporte e autorización policial para viaxaren.
Procedemento de transporte de menores sen acompañante
Os nenos menores de 4 anos deberán viaxar sempre acompañados por adultos.
A partir dos 4 anos cumpridos, admítese o transporte de menores sen acompañante nos servizos de transporte regular de uso xeral baixo as seguintes condicións:
- ALSA recoméndalles aos seus viaxeiros e asume a responsabilidade do transporte de menores sen acompañante cando se realiza nos servizos de clase (Supra+ ou Premium), dado que este tipo de servizos dispón de persoal auxiliar que pode supervisar que a viaxe se desenvolve con normalidade ata o lugar de destino (Servizo de coidado de nenos).
- No resto de servizos, os nenos con idades comprendidas entre os 4 e os 14 anos só poderán viaxar sen acompañante se os pais ou titores expiden a autorización correspondente para que o menor poida viaxar só (sempre, baixo a responsabilidade do pai ou titor) e de conformidade coas seguintes especificacións:
- O Documento de autorización, que se pode descargar no seguinte punto, debe ser cuberto e asinado polos pais ou titores e enviado dentro das 48 horas anteriores á saída do servizo, ao enderezo de correo electrónico autorizacionmenores@alsa.es desde onde recibirá a confirmación do noso servizo de atención ao cliente.
- No embarque, o menor, xunto co billete, deberá portar o Documento de Autorización asinado polos seus pais ou titores e selado por ALSA.
- Existen dous tipos de autorizacións:
- Autorización puntual de transporte dun menor cando o pai/titor autoriza o transporte do menor nun servizo concreto e puntual. Este documento terá validez unicamente para dito servizo.
- Autorización temporal de transporte dun menor, no caso de menores que viaxen con frecuencia sós. Este documento de autorización terá unha validez temporal de máximo un ano, para unha orixe-destino específicos.
- No caso de servizos de clase con persoal auxiliar (Supra+ ou Premium), os clientes poden solicitar o Servizo de coidado de nenos para nenos maiores de 4 anos que viaxen sen acompañante. Se non solicitasen dito servizo, os nenos entre 4 e 14 anos só poderán viaxar sós, se os pais/titores expiden a autorización para o transporte do menor.
Requisitos para o Servizo de coidado de nenos para menores sen acompañante en servizos Supra+ ou Premium
Debido ás características especiais destes viaxeiros, e por motivos de seguridade, poden viaxar sen acompañante sempre e cando cumpran exclusivamente os seguintes requisitos:
- Teren entre 4 e 14 anos cumpridos.
- Pódese descargar aquí o documento de Solicitude do Servizo de Coidado de Nenos, ou solicitar en calquera punto de venda, e deberá encherse e ser asinado polos pais ou titores por duplicado antes da viaxe, e entregar ambas as copias nun punto de venda de ALSA, para o seu selado. Este documento non ten validez sen o correspondente selo de ALSA.
- Portar o billete xunto ao duplicado do documento de Solicitude do Servizo de Coidado de Nenos debidamente enchido e asinado polos pais/titores e selado por ALSA.
- No momento do embarque, os pais/titores que entreguen o menor na orixe deben identificarse (DNI, pasaporte, NIE ou carné de conducir).
- Debe mostrarse un documento de identificación do menor (DNI, pasaporte, NIE ou, no seu defecto, libro de familia ou a súa fotocopia).
- Unha vez en destino, os responsables da súa recollida designados no documento de Solicitude do Servizo de Coidado de Nenos tamén deberán identificarse (DNI, pasaporte, NIE ou carné de conducir).
Para máis información sobre operativa do Servizo de coidado de nenos antes ou durante a viaxe, no proceso de embarque ou no momento de entrega do menor e actuación ante posibles incidencias, diríxase a calquera dos nosos puntos de venda ou canles de atención e información ao público.
Viaxeiros en cadeira de rodas
Os viaxeiros en cadeira de rodas teñen á súa disposición prazas especiais (PMRCR) para viaxaren sentados na súa propia cadeira de rodas. Estas prazas teñen o mesmo custo que o resto de prazas do vehículo. Non se pode seleccionar asento, porque os asentos para persoas que viaxan en cadeira de rodas xa están predeterminados no bus.
Se o viaxeiro desexa viaxar nunha butaca convencional do bus, pode levar a súa cadeira no maleteiro sen custo adicional. Neste caso, debe ser capaz de subir ao vehículo e acomodarse na butaca de forma autónoma, ou levar acompañante que o axude a facelo. Pode seleccionar o asento que estea dispoñible no momento da reserva.
ALSA recoméndalles aos viaxeiros coas necesidades especiais que se indican a continuación que viaxen cun compañeiro que poida atender esas necesidades:
- Viaxeiro que necesita asistencia especial para comunicarse.
- Viaxeiro que non comprende indicacións do persoal de a bordo que afecten a seguridade.
- Viaxeiro que necesita axuda especial para comer ou beber durante a viaxe.
- Viaxeiro que necesita acudir ao baño durante a viaxe.
Para os servizos internacionais esta dispoñibilidade pode non estar garantida.
4.- PREZO DOS BILLETES
O importe total dos billetes comprados a través das canles dixitais de ALSA componse do prezo do billete segundo as tarifas vixentes na concesión coas promocións e descontos vixentes, máis a cantidade adicional expresada, en concepto de custo de xestión a través de dita canle de venda . O custo de xestión aplicarase a cada billete e os billetes de ida e volta considéranse como un único billete, para os efectos de dito custo. En caso de anulación do billete non se devolverá o custo de xestión. Estes prezos inclúen o 10 % de IVE.
Para billetes nacionais entre 1 e 2 € | 0,10 € |
Para billetes nacionais entre 2 e 3 € | 0,20 € |
Para billetes nacionais entre 3 e 4 € | 0,30 € |
Para billetes nacionais entre 4 e 5 € | 0,40 € |
Para billetes nacionais entre 5 e 6 € | 0,50 € |
Para billetes nacionais entre 6 e 7 € | 0,60 € |
Para billetes nacionais entre 7 e 8 € | 0,70 € |
Para billetes nacionais entre 9 e 10 € | 0,90 € |
Para billetes nacionais superiores a 10 € | 2,60 € |
Non se lles aplicará o custo de xestión aos clientes que se identifiquen como Alsa Plus a partir da segunda compra.
Suplemento por cambio de asento
Os asentos preasignados polo sistema de vendas non terán ningún custo adicional.
Nalgúns servizos e para determinadas tarifas promocionadas pode aplicarse un suplemento en caso de que o viaxeiro cambie o asento preasignado.
O importe do suplemento é variable e dependerá do tipo de tarifa, autobús, o asento elixido, a canle de compra ou o horario do servizo.
O suplemento aplícase de forma individual a cada viaxeiro e por traxecto e, en ningún caso, suporá que se supere a tarifa máxima fixada pola administración competente de transporte.
5.- CAMPAÑAS E PROMOCIÓNS ESPECIAIS
As campañas especiais de promoción de determinados billetes que programe a empresa están sometidas a unhas condicións particulares á disposición dos viaxeiros, polo menos, no punto de venda e na web. Ditas condicións prevalecerán sobre calquera outra condición.
Os billetes de curto percorrido e rexionais das zonas de Asturias e Cantabria, comprados na páxina web ou nas apps móbiles, non admiten cambio nin anulación baixo ningunha circunstancia debido ás características particulares do tipo de servizo e á ausencia de restrición na antelación de compra.
6.- DESCONTOS
Os descontos dispoñibles varían dependendo de cada concesión ou liña.
As condicións de anulación e cambio dos billetes con desconto son exactamente as mesmas que para o resto de billetes. Non obstante, en determinadas promocións existen limitacións específicas sobre anulación e cambio, polo que lle lembramos que debe consultar as condicións da promoción antes de adquirir o billete e que a súa aceptación implica coñecemento pola súa parte.
Para a aplicación dos descontos aos cales o viaxeiro teña dereito polas súas condicións persoais (idade, colectivos suxeitos a convenio…) é imprescindible que o viaxeiro dispoña e exhiba no momento da compra o documento vixente que acredite que é o beneficiario de dito desconto. Igualmente, ao acceder ao autobús, o viaxeiro deberá mostrarlle o citado documento ao persoal de ALSA. No caso de incumprir este requisito, o persoal de condución ten a obriga de impedir a utilización do billete e en ningún caso se poderá aboar a diferenza económica entre o billete en tarifa normal e o billete promocionado, e terá que adquirirse outro billete completo se se desexa viaxar.
Nas liñas internacionais non existen descontos de maneira xeral e haberá que cinguirse ás condicións específicas de cada servizo internacional en cada momento.
Descontos por familia numerosa
Existen 2 categorías de familia numerosa:
- Familia numerosa xeral: dá dereito a beneficiarse dun desconto do 20 % no billete.
- Familia numerosa especial: dá dereito a beneficiarse dun desconto do 50 % no billete.
Ambos os descontos de familia numerosa son acumulables con calquera promoción ou oferta aplicable por ALSA. Tamén poden ser acumulables a outros tipos de descontos compatibles.
Os descontos de familia numerosa non son compatibles entre si e só se poden acumular a unha promoción ou a un desconto á vez.
No caso concreto das familias numerosas cómpre presentarlle a calquera persoa de ALSA que o requira o DNI ou pasaporte xunto co documento acreditativo que o xustifique. Ademais, cómpre que a data de vixencia estea actualizada no momento de acceder ao autobús.
7.- MEDIOS DE PAGAMENTO
O pagamento con tarxeta financeira de crédito ou débito (American Express, Visa, 4B, Maestro e Mastercard), PayPal, Alsa Plus moedeiro e Bizum son os únicos medios de pagamento aceptados nas canles dixitais oficiais de ALSA.
As vendas realizadas a través de PayPal e con tarxeta financeira son comercializadas pola empresa Servicios del Principado S.A. (NIF: A33088220) pertencente ao Grupo ALSA.
Os medios de pagamento aceptados nos puntos de venda físicos de ALSA son o efectivo, tarxeta financeira de crédito ou débito (American Express, Visa, Maestro e Mastercard), ALSAPLUS+ moedeiro e tarxeta de bonos ALSA.
8.- EQUIPAXES
Por norma xeral, o viaxeiro ten dereito a transportar gratuitamente ata 30 kg de equipaxe, salvo excepcións que se concedan, que poderán consultarse no punto de venda.
Nos servizos internacionais tense dereito a transportar gratuitamente dúas maletas na bodega (40 kg en conxunto), que non rebasen as dimensións estándar de 60x40x40 cm cada unha.
Nos servizos de España–Marrocos poderanse levar 40 kg gratuítos. O exceso de peso deberase pagar en función da tarifa vixente por kg, sempre e cando houber espazo dispoñible para o seu transporte. No caso de que o punto de embarque non teña habilitada báscula, permitiranse dúas maletas por persoa.
No caso de ser facturado, entregarase o correspondente xustificante. No caso de perda ou deterioración da equipaxe transportada, será conveniente, sen prexuízo do indicado na Condición 17, efectuar a reclamación inmediatamente á chegada, exhibindo o billete e o resgardo de facturación, de ser o caso.
A responsabilidade polos danos ou perdas que sufran as equipaxes transportadas virá determinada, limitada e cuantificada de conformidade co regulado para o efecto pola Lei 16/1987, de 30 de xullo de Ordenación dos Transportes Terrestres e polo Regulamento (UE) n.º 181/2011 do Parlamento Europeo e do Consello, do 16 de febreiro de 2011, sobre os Dereitos dos viaxeiros de autobús e autocar, de acordo coa súa redacción vixente e de aplicación en cada momento.
Condicións especiais para o transporte de elementos de mobilidade ou deportivo
O transporte de bicicletas, táboas de surf ou esquís, ou calquera outro elemento de mobilidade leva engadido un suplemento sobre o prezo do billete. Este suplemento non se aplicará naqueles casos en que exista unha obriga de gratuidade na comunidade autónoma correspondente.
Nos servizos internacionais, só se permite o transporte de bicicletas na liña España-Portugal (permítense 4 por coche) e España-Marrocos, previa reserva e pagamento do seu importe.
Por razón da limitación do espazo dispoñible, admítese un total de catro unidades, entre bicicletas e táboas de surf por vehículo (unha por billete). Estas deben encontrarse en condicións de viaxar sen provocar danos noutras equipaxes ou vultos, e é obrigatorio que vaian embaladas nalgún tipo de caixa ou bolsa preparada para o seu transporte. Cómpre que os billetes con transporte de bicicleta se merquen de un en un; é imposible marcar esta casa cando se seleccionaron 2 ou máis prazas. Se non hai espazo para máis bicicletas no horario escollido, a casa de selección de viaxe con bicicleta non estará dispoñible.
Unha vez adquirido o billete, o viaxeiro presentarase no embarque co seu elemento de mobilidade ou deportivo, cunha antelación mínima de 15 minutos antes da saída.
Outras equipaxes especiais
As mesmas tarifas e condicións serán aplicables a todos aqueles equipamentos e complementos de deporte ou lecer equiparables, similares ou asimilables aos descritos anteriormente e que polas súas dimensións ou características deban de ir localizados na bodega do autobús. Estas equipaxes deben encontrarse en condicións de viaxar sen provocaren danos noutras equipaxes ou vultos, e é obrigatorio que vaian embaladas para o seu transporte.
Condicións especiais para o transporte de mascotas en liñas regulares nacionais
O artigo 11 do Regulamento Xeral de Circulación prohibe o transporte no habitáculo de viaxeiros de calquera animal, salvo aqueles de acompañamento psicolóxico, asistencia e cans guía, ademais daqueles prescritos correspondentemente coa acreditación do certificado que o xustifique, e sempre baixo a responsabilidade e acompañados dos seus donos.
De conformidade co exposto, admitirase un máximo dunha mascota por servizo, que viaxará na bodega do vehículo. O transporte limitarase a pequenos animais de compañía, concretamente: cans, gatos, furóns, aves (non de curral), etc. O peso estará limitado en función das condicións do autobús. O animal viaxará na bodega sempre dentro dunha gaiola (elemento transportador ou outro semellante, pechado e seguro), proporcionado polo viaxeiro. A gaiola ou o transportador deberá dispor dun fondo impermeable que conteña os residuos.
Con carácter xeral, o traslado destes animais realízase baixo a enteira responsabilidade dos seus propietarios, que viaxarían necesariamente no mesmo servizo que o animal.
O viaxeiro debe presentarse no embarque, acompañado do animal, cunha antelación de 15 minutos e introducir persoalmente o animal na gaiola no autocar, segundo as indicacións do condutor. O animal estará en boas condicións físicas, hixiénicas e anímicas para o traslado, e non será obrigatorio, aínda que si recomendable, o uso do bozo. O embarque e desembarque do animal serán realizados polo seu propietario, e procurarase que non haxa persoas nas proximidades, co fin de evitar circunstancias incómodas ou perigosas que puidesen afectar o resto dos viaxeiros.
O custo do transporte será unha porcentaxe do prezo do billete segundo as tarifas vixentes na concesión sen promocións nin descontos, e aboarase como suplemento antes da viaxe.
Non se permite o transporte de animais nos servizos internacionais, salvo aqueles de acompañamento psicolóxico, asistencia e cans guía, ademais daqueles prescritos correspondentemente coa acreditación do certificado que o xustifique, e sempre baixo a responsabilidade e acompañados dos seus donos.
As condicións e recomendacións do transporte de mascotas estarán recollidas no apartado correspondente en alsa.es/gl/home.
Transporte de equipaxes e elementos de axuda á mobilidade
- Nas prazas PMRCR só poden transportarse cadeiras de rodas cuxas medidas non excedan das establecidas segundo a medida vixente: longo e ancho 1.200X700 cm, alto 1.090 cm. O peso máximo da cadeira de rodas, incluído o ocupante, vén marcado pola capacidade máxima da plataforma elevadora (aprox. 300 kg), se ben, vén indicado nas instrucións desta.
- Os viaxeiros poden levar consigo a bordo bastóns e muletas, sempre que poidan colocalos sen pór en perigo a seguridade dos viaxeiros.
- O resto de elementos de axuda á mobilidade deben viaxar na bodega, como equipaxe. Admítese calquera tipo de elemento de axuda á mobilidade, de calquera peso, sempre que non exceda das seguintes dimensións: Longo e ancho: 140X70 cm. Alto: 100 cm. Neste caso, recomendámoslle ao viaxeiro a utilización de fundas para protexer o elemento e a equipaxe doutros viaxeiros.
- En caso de necesitar transportar algúns destes elementos, o viaxeiro debe presentarse na porta de embarque, coa súa equipaxe previamente preparada segundo o anteriormente mencionado cunha antelación mínima de 15 minutos antes do inicio da viaxe.
- O transporte de calquera destes elementos de axuda á mobilidade é completamente gratuíto.
9.- CAMBIO DE BILLETES
Para billetes nacionais e internacionais
O cambio da data ou hora da viaxe soamente é posible se se solicita polo menos 2 horas antes do comezo do servizo e estará condicionado á existencia de prazas dispoñibles na nova data ou hora solicitada.
Os billetes adquiridos a través de calquera canle de venda oficial de ALSA poderán ser cambiados polas mesmas canles onde se adquirisen sempre e cando os billetes non se imprimisen nunha oficina de vendas. É dicir, se a compra se realizou por unha canle dixital poderase cambiar ou anular por esa mesma canle sempre que o billete non se imprimise nun portelo.
Non se realizarán cambios nas máquinas de autovenda.
Os cambios de tarifa deben realizarse en función das condicións vixentes e sempre escollendo tarifas de igual ou maior importe.
Os cambios de tarifa para billetes adquiridos nos puntos de venda das estacións deben realizarse en función das condicións vixentes e sempre escollendo a tarifa en vigor do servizo seleccionado.
Os billetes de curto percorrido non permiten máis de 2 meses entre a data de saída e a de regreso no momento de realizar o cambio.
Só para billetes nacionais
Admítese, sen gastos, un só cambio por billete cando se solicite con polo menos 48 horas de antelación á data do servizo. Aplicarase un recargo adicional do 10 % do prezo do billete para aqueles cambios que se soliciten cunha antelación de 24 a 48 horas. No caso de que o cambio se solicite con menos de 24 horas de antelación, aplicarase un recargo do 20 % sobre o prezo do billete.
Aplicarase un recargo do 20 % no segundo e sucesivos cambios de billetes cando se soliciten con máis de 24 horas de antelación. No caso de que estes cambios se soliciten con menos de 24 horas de antelación, o recargo será do 30 % sobre o prezo do billete.
Non se aplicarán recargos de cambio de billete para os clientes ALSAPLUS+.
Só para billetes rexionais das zonas de Asturias e Cantabria
Os billetes de curto percorrido e rexionais das zonas de Asturias e Cantabria, comprados na páxina web ou nas apps móbiles, non admiten cambio nin anulación baixo ningunha circunstancia debido ás características particulares do tipo de servizo e á ausencia de restrición na antelación de compra.
Só para billetes internacionais
Os cambios de billetes internacionais poderán implicar un recargo en función do traxecto seleccionado.
10.- ANULACIÓN DE BILLETES
Para billetes nacionais e internacionais
A anulación de billetes soamente é posible se se solicita polo menos 2 horas antes do comezo do servizo, presentándose o viaxeiro nos puntos ou establecementos de venda da empresa. Os billetes adquiridos a través do servizo de información e venda 902 422 242, alsa.es/gl/home ou a aplicación móbil poderán anularse polas mesmas canles onde se adquirisen, sempre e cando os billetes non se emitisen (impresos nos puntos de venda).
Non se realizarán anulacións nas máquinas de autovenda.
No caso de anulación, a empresa devolverá ao viaxeiro o importe íntegro do billete se se solicita con polo menos 48 horas de antelación á saída do servizo. Se a anulación se solicita cunha antelación de entre 48 e 24 horas, a empresa devolverá o importe do billete deducindo un 20 %. No caso de que a anulación se solicite con menos de 24 horas de antelación, a dedución aplicable será do 30 % do importe do billete.
Os billetes só se poderán anular contra o mesmo método de pagamento co cal se efectuou a compra.
A non-presentación do viaxeiro no lugar e momento da saída suporá a perda da viaxe e non dará dereito a cambio do billete ou devolución do seu importe.
Non se aplicarán recargos de anulación para os clientes ALSAPLUS+.
Só para billetes nacionais
No caso de billetes que xa se cambiasen previamente, aplicarase un 20 % de dedución do seu importe cando se solicite con máis de 48 horas de antelación. Para este tipo de billetes, os gastos de anulación serán do 30 %, cando se solicite cunha antelación de entre 48 e 24 horas, e dun 40 % do seu importe, cando se solicite con menos de 24 horas de antelación respecto ao inicio do servizo.
Só para billetes rexionais das zonas de Asturias e Cantabria
Os billetes de curto percorrido e rexionais das zonas de Asturias e Cantabria, comprados na páxina web ou nas apps móbiles, non admiten cambio nin anulación baixo ningunha circunstancia debido ás características particulares do tipo de servizo e á ausencia de restrición na antelación de compra.
11.- DEREITO DE DESISTENCIA
É a facultade que ten o usuario de deixar sen efecto un contrato en determinados casos sen necesidade de xustificar a súa decisión nin asumir penalización ningunha. De conformidade co artigo 93 k) do Real Decreto Lexislativo 1/2007 polo que se aproba o Texto Refundido da Lei xeral para a defensa dos consumidores e usuarios da regulación das vendas a distancia (a excepción do artigo 98.2) non resulta de aplicación para os contratos de servizo de transporte de pasaxeiros. Polo que nas reservas de servizos de transporte de persoas non resulta de aplicación o dereito de desistencia. Deste modo, no caso de que o usuario manifeste a súa vontade de cancelar os billetes contratados, seranlle de aplicación as condicións de cancelación da empresa operadora de transporte da cal se trate.
12.- BILLETES DE IDA E VOLTA
Se no billete de ida e volta non figuran consignados o día, hora, asento e vehículo relativos á volta (billete de volta aberta), o viaxeiro deberá confirmar a volta coa maior antelación posible na mesma canle pola que realizou a compra (excepto para as compras en canles dixitais, que poderá realizarse en calquera canle). A confirmación estará condicionada á existencia de prazas dispoñibles na data e vehículo solicitado. Sen prexuízo do previsto no parágrafo seguinte, a confirmación da volta non supón ningún gasto. A validez do billete de volta aberta de longo percorrido será de seis meses desde a data da súa emisión. Nos servizos rexionais a validez dos billetes de ida e volta establécese en 7 días naturais (contados desde a data de realización do traxecto de ida).Nos billetes mercados por Internet poderá pecharse a volta directamente en alsa.es/gl/home
Os billetes nacionais de volta aberta cuxo traxecto sexa igual ou superior a 150 quilómetros e o seu prezo (ida sen descontos e impostos incluídos) sexa igual ou superior a 10 € estarán suxeitos, no momento da compra, ao pagamento dun recargo adicional de 1,60 €. Durante o proceso de compra o viaxeiro será informado para tal efecto. Non se lle aplicará o referido importe aos clientes ALSAPLUS+.
13.- TITULARIDADE DO BILLETE
Os billetes adquiridos polas canles dixitais oficiais de ALSA son nominativos. Para a súa utilización requírese a comprobación do DNI ou PASAPORTE do viaxeiro e que este dato corresponda co número de DNI ou PASAPORTE reflectido no billete.
Nos billetes adquiridos por Internet para menores de idade que carezan de DNI, será necesario reflectir o DNI da persoa que acompaña o menor no apartado da web reservado para iso.
A falta de correspondencia entre ditos datos suporá a invalidez automática do billete.
A solicitude do cambio de titularidade do billete pode estar suxeita ao pagamento dun recargo.
14.- PROHIBICIÓN DE FUMAR
Queda absolutamente prohibido fumar no vehículo (Art. 6 R.D. 1293/1999).
15.- SERVIZOS DE REFORZO
De conformidade co disposto na normativa de transporte, nos servizos nacionais e internacionais, a empresa resérvase a posibilidade de realizar o servizo mediante vehículos de empresas colaboradoras cando as circunstancias así o requiran para facer fronte a intensificacións de tráfico. A empresa reserva o dereito a modificar a praza asignada ao viaxeiro no caso de que as condicións de explotación así o esixan.
En tales supostos, o servizo considerarase, en todo caso, tanto para os efectos das correspondentes relacións xurídico-privadas como das obrigas e responsabilidades de carácter administrativo, prestado pola empresa concesionaria do servizo regular.
16.- FACTURA
O billete en si mesmo supón factura ao reflectir todos os datos necesarios e IVE aplicado. Non obstante, se vostede desexa factura dos seus billetes, pode optar por:
- Utilizar o formulario de solicitude de factura dispoñible na sección Xestión de billetes de alsa.es/gl/home.
- Solicitar a impresión dos billetes no punto de venda e remitilos vía postal ao enderezo: Servicio de Atención al Cliente. C/ Alcalá, 478. 28027 Madrid (España). Debe indicar os datos necesarios do destinatario da factura e enderezo de envío da factura.
17.- RECLAMACIÓNS
Existe un libro de reclamacións a disposición do viaxeiro nos puntos de venda e nos autobuses con orixe e destino nacional. De conformidade co establecido na normativa vixente, cómpre que a reclamación se presente nos tres meses seguintes á data en que se prestase ou se debese ter prestado o servizo regular. No mes seguinte á recepción da reclamación, a empresa transportista notificará o viaxeiro de que a súa reclamación se admitiu, desestimou ou aínda se está examinando. O prazo para proporcionar a resposta definitiva non será superior a tres meses a partir da data de recepción da reclamación.
18.- CONTACTO
Pomos á súa disposición diferentes alternativas de contacto:
- Envío de correos a través dos formularios localizados en sección Contacto de alsa.es/gl/home.
- Teléfono información e venda: 902 42 22 42
- Teléfono Atención ao Cliente: +34 91 020 7007
- Contacto por escrito: C/ Alcalá, 478. 28027 Madrid
- Calquera dos puntos de venda oficiais de ALSA
Coñeza que preguntan os nosos clientes.
19.- CONFIANZA ONLINE
As partes sométense, á súa elección, para a resolución dos conflitos e con renuncia a calquera outro foro, aos xulgados e tribunais do domicilio do usuario. Así mesmo, como entidade adherida a CONFIANZA ONLINE e nos termos do seu Código Ético, en caso de controversias relativas á contratación e publicidade en liña, protección de datos, protección de menores e accesibilidade, o usuario poderá acudir ao sistema de resolución extraxudicial de controversias de CONFIANZA ONLINE (www.confianzaonline.es).
20.- PROTECCIÓN DE DATOS PERSOAIS
En cumprimento da normativa vixente en materia de protección de datos de carácter persoal, a empresa de transporte á que vostede merque o billete, como Responsable do Tratamento, INFÓRMAO do seguinte: Os seus datos persoais serán incluídos nun ficheiro automatizado e serán tratados informática e convencionalmente nos nosos ficheiros. A empresa de transporte que figura no billete mercado por vostede, así como a entidade ALSA GRUPO, S.L.U., CIF B-82059478, Calle Miguel Fleta, 4, 28037 Madrid, correo electrónico asesoria@alsa.es, son as Responsables do Tratamento. Recolleremos os datos necesarios para a venda do billete e/ou demais servizos contratados, para a súa realización, para mellorar o servizo prestado, así como os datos que sexan necesarios para formular unha reclamación ou calquera consulta ou suxestión que desexe facernos. Os fins do tratamento dos datos persoais son xestionar satisfactoriamente a compra do billete ou de máis servizos contratados, mellorar a experiencia de usuario, realizar estudos de mercado, enquisas de opinión, así como atender as consultas, suxestións ou reclamacións recibidas. A base xurídica que lexitima o tratamento é a execución do contrato de venda de billete ou demais servizos contratados, o interese lexítimo da empresa e o consentimento do interesado. Os datos persoais conservaranse mentres se manteña a relación co cliente e ata que o interesado non solicite a súa supresión. Os destinatarios da información fornecida serán o persoal responsable da empresa de transporte, así como o persoal do punto de venda e o persoal responsable de ALSA GRUPO, S.L.U., tratamentos de datos necesarios para o desenvolvemento e cumprimento da relación comercial establecida. Así mesmo, e unicamente no caso de que vostede o autorizase dese modo, os seus datos poderán utilizarse para o envío de ofertas e descontos personalizados de ALSA e de terceiros. Neste sentido, recolleremos o seu consentimento de maneira expresa nos formularios habilitados para tal efecto. Vostede pode oporse en calquera momento ao consentimento outorgado para o uso dos seus datos con fins publicitarios. De igual xeito, garantímoslle o exercicio dos seus dereitos de acceso aos datos persoais, a súa rectificación ou supresión, ou a limitación do seu tratamento, ou a oporse ao tratamento, así como o dereito á portabilidade dos seus datos, conforme o procedemento establecido na normativa vixente, mediante solicitude remitida ao noso enderezo de correo electrónico asesoria@alsa.es ou postal: ALSA GRUPO, S.L.U., Dpto. Asesoría Jurídica, Calle Miguel Fleta, 4, 28037, Madrid, achegando en todo caso fotocopia do DNI ou un documento equivalente válido en dereito que permita acreditar a súa identidade. Así mesmo, se considera que os seus datos foron tratados de forma inadecuada, poderá dirixirse ao delegado de Protección de Datos de ALSA (dpo@alsa.es) ou poderá presentar unha reclamación ante a Agencia Española de Protección de Datos, Calle Jorge Juan, 6, 28001, Madrid. De igual forma, a empresa comprométese no emprego dos datos a respectar a súa confidencialidade e a utilizalos exclusivamente de acordo coas finalidades sinaladas.
Condicións válidas para billetes emitidos a partir de setembro de 2019.