ALSA entra no transporte urbano de Xenebra

Madrid, 8 de outubro.- A compañía de transporte de viaxeiros ALSA informa de que recibiu a comunicación oficial por parte da entidade Transports Publics Genevois (TPG), de que foi adxudicataria do concurso para a xestión de dúas liñas do transporte urbano na cidade de Xenebra.

Autobús da compañía TPG de Xenebra

Este novo contrato ten unha duración de cinco anos, prorrogable a seis, e a data de inicio será o próximo 9 de decembro. A facturación prevista é de 9 millóns de euros nos primeiros cinco anos.

Os servizos adxudicados son a Liña U (entre Bossy e Chavannes des Bois, a través de Versoix, cunha lonxitude de 12,6 km.) e a Liña Z (entre Versonnex-Bossy e Genthod le Haut, a través de Bellevue, cunha lonxitude de 11,3 km.) As dúas liñas discorren pola área metropolitana do cantón de Xenebra, e explotaranse con 6 vehículos híbridos de última xeración Mercedes-Benz Citaro, que garanten mínimos niveis de emisións contaminantes.

Con esta adxudicación, ALSA convértese no primeiro grupo de transporte internacional en gañar un concurso convocado por TPG, impoñéndose a outras empresas relevantes e históricas do cantón de Xenebra, e amplía o seu portfolio de actividades no país helvético coa incorporación de servizos de transporte urbano. Trátase tamén da primeira operación de servizos urbanos xestionada por ALSA no continente europeo.

Para ALSA a entrada no mercado de transporte urbano de Xenebra supón dar un paso máis na súa estratexia de implantación e crecemento nos mercados francés e suízo, nos que realizou unha forte aposta nos dous últimos anos, coa adquisición das empresas Alpybus, Odier Excursions, GVAtransfers e Chamexpress, especializadas na prestación de servizos de transfer turísticos e discrecionais.