Novas condicións de ALSAPLUS a partir do 27 de novembro

O programa de fidelización ALSAPLUS+ (no sucesivo, o «programa» ou «ALSAPLUS+») xestionado por ALSA GRUPO, S. L. U. (no sucesivo «AG») ten por obxecto premiar a fidelidade dos clientes de ALSA.

A condición de cliente do programa ALSAPLUS+ é persoal e intransferible.

Por ALSA, enténdense as empresas que utilizan dito distintivo nos seus servizos de transporte de viaxeiros por estrada, excluídos os servizos de transporte urbano de viaxeiros. Co obxecto de mellorar as condicións do programa de fidelización, ALSA reserva a facultade de modificar as presentes condicións en calquera momento. Neste caso, ALSA notificáralles aos seus clientes ALSAPLUS+, cunha antelación mínima dun mes, a través de correo electrónico e na súa páxina web, a nova estrutura de funcionamento e características, así como a data a partir da cal será efectiva. O cliente que non desexe continuar en ALSAPLUS+ deberá notificalo no prazo dun mes a partir da data da notificación, e pode redimir a totalidade dos puntos acumulados no mesmo período de tempo, sen que a partir de dito momento poida reclamarlle nada a ALSA por este motivo. O programa ALSAPLUS+ quedará cancelado sen previo aviso nin responsabilidade ningunha e non será de aplicación o disposto anteriormente, se nalgún momento ocorren circunstancias de forza maior ou imposicións legais que impedisen a súa continuidade.

As presentes condicións xerais resultan de aplicación desde o mércores, 27 de novembro de 2019.

I. OBXECTO DO PROGRAMA ALSAPLUS+

O programa ALSAPLUS+ concédelle vantaxes e puntos ao titular da conta ALSAPLUS+ pola compra de billetes de ALSA. Puntos que se poderán trocar na compra de billetes ALSA e como forma de pagamento total ou parcial, de acordo coa equivalencia de puntos-euros vixente en cada momento.

A condición de cliente supón a autorización expresa para a recepción, a través de calquera medio, incluído correo electrónico, SMS, notificación push, notificación web ou telefonicamente, de calquera información sobre ALSAPLUS+, novidades, servizos ou promocións de ALSA. Se o cliente non desexa recibir comunicacións comerciais, poderá darse de baixa destas indicándoo no formulario de inscrición, ou modificando o seu perfil de ALSAPLUS+ accesible na web alsa.es/gl/alsaplus. Igualmente, a condición de cliente ALSAPLUS+ outorga a posibilidade de beneficiarse de determinados descontos exclusivos ofrecidos polos establecementos adheridos a ALSAPLUS+.

II. CONDICIÓNS DO PROGRAMA ALSAPLUS+

Poderá participar no programa de fidelización ALSAPLUS+ calquera persoa física maior de 18 anos (no sucesivo, o «cliente»).

A adhesión a ALSAPLUS+ é totalmente gratuíta e implica o coñecemento e a aceptación das presentes Condicións Gerais.

Para adquirir a condición de cliente ALSAPLUS+, deberá encher e asinar o modelo de solicitude establecido para tal efecto, dispoñible nos puntos de venda propios de ALSA e nos sitios web alsa.es/gl/home, e alsa.com e nas apps.

Para identificarse como cliente ALSAPLUS+, poder xestionar a súa conta e acceder a comprar billetes en calquera das canles de venda propias de ALSA ou as habilitadas para tal fin, precisará do seu documento de identidade (pasaporte, NIE) e o contrasinal que o cliente seleccionase para iso.

Os menores de idade poderán darse de alta no programa. Para iso os seus pais, titores ou representantes legais terán que achegar a súa documentación e a do menor. A conta do menor quedará vinculada á dos pais, titores ou representantes legais de tal forma que os seus puntos se sumarán á conta destes. Os representantes dos menores serán responsables do uso da conta e AG queda exenta de calquera responsabilidade derivada da xestión e do uso desta por parte destes. Ao cumprir a maioría de idade, cancelarase automaticamente tal vínculo e o cliente pode, se así o desexa, crear a súa propia conta ALSAPLUS+.

A baixa do programa pode ser solicitada polo titular da conta en calquera momento e nas canles establecidas para tal efecto.

Aqueles clientes ALSAPLUS+ que non teñan ningunha actividade nun prazo de 24 meses pasarán a ser considerados inactivos e non se lles realizará ningunha comunicación de ningunha índole.

AG reserva o dereito de cancelar a conta de puntos e o seu saldo e anularlle a condición de cliente ALSAPLUS+ ao cliente que incumpra as normas recollidas nas presentes condicións ou que fixesen un uso fraudulento dos billetes ALSA.

AG reserva o dereito de anular o programa de fidelización ALSAPLUS+ en calquera momento, previo aviso aos clientes cun mes de antelación, sen que poida derivarse para ela ningunha responsabilidade polos prexuízos que a cancelación puidese causarlles. Se os clientes ALSAPLUS+ tivesen puntos suficientes para trocar por billetes, poderán efectuar o cambio no prazo dun mes.

III. ADHESIÓN

Unha vez recibida a súa solicitude, que deberá ser presentada en calquera dos puntos de venda propios de ALSA ou mediante o envío desde o noso sitio web do formulario de solicitude previsto, darémolo de alta no programa de fidelización ALSAPLUS+. Ao adherirse a ALSAPLUS+, Vde. obrígase a que a información proporcionada no formulario de rexistro sexa, en todo momento, veraz, exacta, actualizada e completa. De non ser así, AG poderá, con carácter inmediato, suspender ou cancelar a súa conta de puntos e denegarlle o acceso, presente e futuro, ao programa mediante a anulación da súa adhesión. O cliente ALSAPLUS+ poderá solicitar a súa baixa no programa en calquera momento, mediante escrito e fotocopia do seu DNI dirixido a ALSAPLUS+: DEPARTAMENTO DE MARKETING, 1ª PLANTA, C/ ALCALÁ, 478, 28027 MADRID ou ao enderezo de correo electrónico baja.alsaplus@alsa.es, indicando o seu desexo de causar baixa.

IV. VANTAXES ADICIONAIS

Os clientes poderán, igualmente, beneficiarse de vantaxes adicionais, de cuxas características e período de validez AG informará nas súas canles autorizadas. Ditas vantaxes exclusivas non serán, en ningún caso, acumulables a calquera billete promocional. En caso de contradición entre estes, prevalecerán as condicións fixadas nos billetes promocionais.

Complementariamente, os clientes ALSAPLUS+ poderán beneficiarse de tarifas especiais, descontos ou promocións sempre e cando cumpran as condicións definidas por ALSA en cada momento.

Consulte os descontos adicionais dispoñibles e o seu período de vixencia en www.alsa.es/gl/home e www.alsa.com.

V. OBTENCIÓN DE PUNTOS

O cliente ALSAPLUS+ que realice calquera compra de billetes ALSA nos puntos de venda propios de ALSA, na web alsa.es/gl/home e alsa.com, na app, no servizo telefónico ofrecido por ALSA e nas canles autorizadas por AG terá dereito á obtención de 4 puntos por cada 1 € de compra (non se aplicarán, en ningún caso, arredondamentos).

A obtención de puntos é persoal, dado que o cliente se deberá de identificar no momento da compra como cliente de ALSAPLUS+ para poder sumar o total de puntos acumulados pola compra.

A anotación dos puntos producirase nas 24-48 horas seguintes á data da viaxe indicada no billete, salvo as particularidades indicadas posteriormente nesta Condición V. AG non se fai responsable do atraso que poida producirse na anotación de operacións cando causas alleas á vontade de AG fagan imposible a captura automática das operacións. AG reserva o dereito de cancelar os puntos cargados erroneamente nas contas dos clientes. A anotación automática dos puntos unicamente quedará garantida se a condición do titular e viaxeiro quedou debidamente acreditada e rexistrada na compra do billete.

O dereito a solicitar a anotación de puntos que non se rexistrasen na conta do cliente deberá efectuarse no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da viaxe realizada e conforme o previsto no apartado correspondente en alsa.es/gl/home.

AG reserva a facultade de modificar o número de puntos para obter en cada momento pola compra de billetes ALSA, modificación que será notificada previamente nos puntos de venda propios e en www.alsa.es/gl/home e www.alsa.com.

Unha vez transcorrido ese prazo, serán descontados da conta do cliente sen posibilidade de que se reasignen nin troquen.

No caso de cancelación de billetes, perderase o dereito de obter puntos por mor do billete cancelado.

*Excepcións/Particularidades na asignación de puntos para ter en conta en función do billete ou bono adquirido:

Tipo de produto Data de asignación de puntos
Bonos comprados en Canais Dixitais (Bono Comparte, ALSAPass…) Asignaranse os puntos correspondentes ao total do importe do bono, tras a data da primeira viaxe. É dicir; sumaranse os puntos do bono unha vez que se consuma unha viaxe deste.
Bono comprado en Punto de Venda Asignaranse os puntos correspondentes ao total do importe do bono, tras a compra deste.
Billete Ida/Volta Os puntos correspondentes á viaxe de IDA sumaranse 24-48 horas tras a data da viaxe. E os puntos correspondentes á viaxe de VOLTA sumaranse na conta do Socio 24-48 horas tras a data de viaxe de volta. En caso de billete con volta aberta, os puntos asignaranse 24-48 horas tras a data de viaxe de volta, ou no caso de volta sen pechar, os puntos asignaranse unha vez caducado o billete.

VI. CONSULTA DE PUNTOS

O cliente ALSAPLUS+ pode consultar o saldo e movementos da súa conta de puntos no sitio web alsa.es/gl/home e alsa.com.

VII. TROCO DE PUNTOS

O troco de puntos unicamente terá lugar no marco do programa de fidelización ALSAPLUS+, a cambio dos billetes ALSA correspondentes.

Os puntos non son, en ningún caso, transmisibles nin trocables por diñeiro.

O cliente poderá utilizar os puntos exclusivamente como unha forma de pagamento do prezo do billete de ALSA e, se procede, por aqueles servizos adicionais que AG considere pertinentes e que sexan definidos en alsa.es/gl/home, trocando os puntos dispoñibles polo seu equivalente en euros. Dita equivalencia será de 1 € por cada 100 puntos.

Así mesmo, o cliente poderá trocar puntos acumulados por descontos no importe dos billetes ALSA que adquira; o número de puntos necesarios para a obtención do mencionado desconto virá determinado, en cada caso, en función do itinerario e da clase do servizo de que se trate. O desconto posible estará indicado durante o proceso de compra do billete e figurará especificado en alsa.es/gl/home.

O cliente tamén poderá trocar os seus puntos por billetes ALSA (suxeito a dispoñibilidade de prazas), previa exhibición do documento de identificación, nos puntos de venda propios de ALSA, así como na web alsa.es/gl/home, alsa.com na app e noutras canles alternativas que ALSA porá, no seu caso, á disposición dos clientes. Estes billetes poderán modificarse ou cancelarse salvo que o billete estea asociado a unha promoción que especificamente non permita modificacións ou cancelacións.

AG descontará da conta do titular os puntos correspondentes ao billete ALSA solicitado no momento da recepción da solicitude de troco.

VIII. PROTECCIÓN DE DATOS

ALSA GRUPO, S. L. U. con NIF B82059478, domicilio social en Calle Miguel Fleta, 4, 28037 Madrid, datos de contacto do delegado de protección de datos (dpo@alsa.es) e enderezo de correo electrónico: asesoria@alsa.es é o responsable do tratamento dos datos persoais facilitados con ocasión da súa adhesión ao programa de fidelización ALSAPLUS+. AG, en cumprimento da normativa vixente en materia de protección de datos de carácter persoal, infórmao de que os datos persoais facilitados serán incorporados a un ficheiro titularidade de AG coa finalidade de xestionar a alta e participación no programa de fidelización ALSAPLUS+, e o destinatario da información é o persoal responsable de AG. A base xurídica que lexitima o tratamento é o consentimento do interesado mediante a sinatura ou envío a través da nosa páxina web do formulario de adhesión a ALSAPLUS. De igual modo, estamos lexitimados para tratar os seus datos persoais con base na execución do contrato, así como no noso interese lexítimo para que a súa experiencia como cliente sexa o máis satisfactoria posible, a través dunha relación personalizada o máis adaptada ao seu perfil de cliente e ás súas necesidades. Os seus datos serán conservados mentres manteña a relación con AG e non revogue o consentimento prestado ou solicite a cancelación/supresión dos seus datos ou a oposición ao tratamento. Os datos persoais facilitados serán utilizados para as actividades relacionadas cos fins propios do programa, e poden ser utilizados para levar a cabo análises de perfís, estudos de mercado e prospección comercial, enquisas de opinión e análises estatísticas, márketing directo telefónico. Tamén serán utilizados para a remisión, a través de calquera medio, incluídos correo electrónico, SMS, notificación push, notificación web ou outro medio de comunicación electrónica equivalente ou contacto telefónico, de calquera información sobre servizos, novidades ou promocións tanto de ALSA como dos establecementos asociados a ALSAPLUS+ relacionados co sector do lecer, transporte, hostalería, formación, telecomunicacións, moda, comercio ao por menor e seguros, no seu caso. A consulta dos establecementos asociados a ALSAPLUS+ poderá realizarse a través da páxina alsa.es/gl/home e alsa.com. Os datos persoais facilitados serán utilizados como axuda para personalizar e mellorar continuamente a súa experiencia de compra e viaxe; así como para facer recomendacións que puidesen serlle de interese, non tomando decisións automatizadas con base na análise de perfís efectuada pola empresa.

Para realizar estes tratamentos adicionais precisamos a súa autorización. Entendemos que presta o seu consentimento, neste sentido, mediante a sinatura ou envío a través da nosa páxina web do formulario de adhesión. O consentimento outorgado pode revogarse en calquera momento mediante solicitude enviada a asesoria@alsa.es. A retirada do consentimento non lle afectará á licitude anterior do tratamento dos seus datos. De igual modo, informámolo de que os seus datos persoais poderán serlles comunicados aos establecementos asociados a ALSAPLUS+ en virtude dos acordos comerciais subscritos con ditos terceiros. A comunicación de datos resulta necesaria para o obxecto de que Vde. poida beneficiarse dos produtos, vantaxes e servizos ofrecidos polos establecementos asociados a ALSAPLUS+. As empresas coas cales AG mantén acordos comerciais destinados aos clientes ALSAPLUS+ ou que colaboran con este programa de fidelización, poden consultarse na páxina web alsa.es/gl/home e alsa.com. Os cesionarios dos datos quedan obrigados a utilizalos exclusivamente coa finalidade establecida no programa ALSAPLUS+, tratando os datos coa máis estrita confidencialidade. Os datos marcados cun asterisco téñense que encher obrigatoriamente, e a súa ausencia implica a imposibilidade de dálo de alta en ALSAPLUS+. Entendemos que os datos facilitados son certos, e AG reserva neste caso a facultade de excluír do programa a aqueles clientes que facilitasen datos falsos ou inexactos. O cliente poderá revogar o seu consentimento, así como exercer os seus dereitos de acceso, rectificación, cancelación/supresión, limitación e portabilidade a través de correo postal ao enderezo ALSA GRUPO, SLU, Calle Miguel Fleta, 4, 28037, Madrid, ou por correo electrónico asesoria@alsa.es, mediante anexo, en todo caso, fotocopia do DNI ou documento equivalente válido en dereito que permita acreditar a súa identidade. Así mesmo, se considera que os seus datos foron tratados de forma inadecuada, poderá dirixirse ao delegado de Protección de Datos de ALSA (dpo@alsa.es) ou poderá presentar unha reclamación ante a Agencia Española de Protección de Datos, Calle Jorge Juan, 6, 28001, Madrid.

IX. LEI APLICABLE E FORO COMPETENTE

As presentes condicións xerais aplicaranse e interpretaranse de acordo coa lexislación española. Para cantas controversias puidesen derivarse del, as partes, con renuncia expresa ao foro que puidese corresponderlles, acordan a súa submisión aos xulgados e tribunais do domicilio do cliente. O cliente ALSAPLUS+ declara que todos os datos reflectidos no formulario de adhesión son verdadeiros, que coñece e acepta as condicións do presente programa de fidelización e que, mediante a súa sinatura, manifesta a súa adhesión voluntaria a estas, e constitúen a primeira compra dun billete ALSA, declaración expresa do total coñecemento e aceptación de ditas condicións. Do mesmo modo, recoñece que recibiu neste acto un exemplar das presentes Condicións.